Galicia
.- O Telecentro de Comunicación do concello de Vigo conectarase mañá a través de videoconferencia co Telecentro de Ribera de Arriba en Asturias. Trátase dun acto organizado polo Centro de Formación e Recursos de Vigo, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co que se pretende darlles a coñecer a mestres de primaria e secundaria da comarca de Vigo as estratexias a seguir á hora de dinamizar as bibliotecas escolares. Durante dous días, mañá, mércores e pasado, xoves, de 18.00 a 21.00 horas, vinte profesores da comarca de Vigo inscritos nun curso sobre Investigación documental na biblioteca escolar a través das TIC intercambiarán experiencias a través de videconferencia con Rosa Piquín, profesora responsable da Biblioteca Escolar do CP Pablo Iglesias(Soto de Rivera, Asturias). Rosa Piquín é Premio Nacional de Proxectos de ideas para a mellora e innovación das Bibliotecas Escolares (2005).A través de iniciativas deste tipo, o Centro de Formación e Recursos de Vigo pretende integrar as tecnoloxías da comunicación e da información nos procesos de ensino e aprendizaxe e na busca documental así como impulsar a innovación metodolóxica nas prácticas educativas facendo da biblioteca escolar un elemento potenciador da participación activa do alumnado. A Secretaría Xeral de Medios, a través do Centro Multimedia de Galicia, está a traballar en dar a coñecer toda as posibilidades que ofrecen os TC para convertelos en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego. O obxectivo de Comunícate é que os Telecentros de Comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía.
A Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Medios, en colaboración cos concellos onde se sitúan. Actualmente a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia dispón de TC nas localidades de Coruña, Abegondo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Brión, Carballo, Melide, Muros, Negreira, Oroso, Santa Comba, Santa Comba, Ribeira, Santiago, Vedra, Vimianzo, Allariz, Castro Caldelas, O Baro de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Fonsagrada, Becerreá, Chantada, Foz, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Quiroga, Sarria, Viveiro, A Cañiza, A Estrada, Catoira, Lalín, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.