Galicia
Núñez Feijóo fai un chamamento, na súa mensaxe de Fin de Ano, a agrupar en torno á unidade “a todo o noso país, buscando puntos de encontro e obxectivos compartidos”
- Avoga por unha unidade “que non pode quedar nun simple recurso retórico”, senón que se plasme en cuestións concretas, como a ordenación territorial, a coordinación de servizos, o futuro financeiro, a recuperación económica ou a educación
- “É a unidade a que xustifica o proxecto autonómico que nos fixo agromar como nacionalidade histórica na España democrática; e é a unidade a que nos fai fortes dentro e fóra”, asevera
- Destaca que “Galicia unida non é unha Galicia uniforme” porque “unir non é o mesmo que uniformar”
- Lembra que temos “problemas e solucións galegas” que exixen a colaboración entre “territorios, institucións e partidos políticos” e que o labor do gobernante actual é recuperar conceptos como “ben común, interese xeral ou participación social”
- Destaca a oportunidade que supón o Ano Xacobeo: “Agora é cando, Galicia é onde”
- Considera que, neste ano Santo Xacobeo que comeza, Galicia enteira será protagonista dun feito que tamén reflicte o sentimento de unidade e de cooperación
- Convida a todos os galegos a que “invistamos a implicación, o esforzo e o sacrificio que sempre nos caracterizou e a que fagamos deste ano que entra un ano 10 para todas as familias de Galicia”
.- “O Xacobeo é unha oportunidade única e histórica para mostrar ao mundo unha Galicia que traballa unida por superar as dificultades actuais e gañar o seu propio futuro”. Así o sinalou hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na mensaxe de Fin de Ano, na que fixo un chamamento para agrupar na unidade “a todo o noso país, buscando puntos de encontro e obxectivos compartidos”.
O mandatario autonómico destacou, ademais, que é precisamente a unidade a que xustifica o proxecto autonómico “que nos fixo agromar como nacionalidade histórica na España democrática” e que tamén é a unidade “a que nos fai fortes dentro e fóra”. Por iso, agregou, “sen esa unidade práctica –tan necesaria-, Galicia quedaría fóra da corrente mundial que está facendo da cooperación a gran forza dos novos tempos”.
“Unha Galicia unida non é unha Galicia uniforme; porque unir non é o mesmo que uniformar”, destacou o mandatario autonómico, quen avogou, ademais, por que a unidade á que apela non se quede “nun simple recurso retórico”. Nesta liña, apostou porque esta se plasme en cuestións concretas como a ordenación territorial, a coordinación de servizos, o noso futuro financeiro, na recuperación económica ou nunha educación nas escolas que sexa “rica en coñecementos e rica tamén en valores como a cordialidade, a convivencia ou a liberdade”.
Na mesma liña, Feijóo abondou en que existen problemas e solucións “internacionais e nacionais”, pero tamén “problemas e solucións galegas” que, dixo, “exixen colaboración entre territorios, institucións e partidos políticos”. “O labor do gobernante actual é recuperar conceptos que parecían esquecidos, como ben común, interese xeral ou participación social. Só así o noso horizonte empezará a estar despexado”, aseverou.
Seguir exemplo de xeracións pasadas
Na mesma liña, o mandatario autonómico remarcou o comezo do Ano Santo Xacobeo, un acontecemento, explicou, que converterá Galicia enteira en protagonista dun feito “que tamén reflicte o sentimento de unidade e cooperación”. Feijóo non ocultou que estamos a atravesar tempos difíciles pero insistiu en que “esta terra segue en pé despois de moitos séculos de venturas e desventuras” e en que ha de seguir en pé “se traballamos xuntos, seguindo o exemplo das xeracións pasadas e das novas. Elas apórtanos sacrificio, xenerosidade e ilusión”, remarcou. “Como todos os anos –nestas datas-, fillos, netos, pais e avós comparten xuntos lembranzas e esperanzas de maneira que cada casa se converte nunha pequena Galicia”, proseguiu Feijóo sinalando que estes encontros familiares teñen “un gran valor” nestes tempos “de dificultade e desacougo” porque serven “para decatarnos de que cada un de nós é froito dunha fermosa historia humana de loita e superación”. “Porque detrás de cada galego de hoxe hai moitos galegos de onte que camiñaron por tempos moi difíciles. E a proba de que nunca se renderon é que nós estamos hoxe aquí”, engadiu, lembrando que, a pesar de que “algúns emigraron lonxe e de que outros tiveron que deixar a súa aldea para ir na procura de fortuna nas vilas, todos pasaron necesidades pero ninguén aceptou a derrota”. Por iso, “cando sintamos o desalento pola crise económica e o drama do desemprego cómpre mirar para os nosos devanceiros e escoitalos: que nos están dicindo? Que temos que ser dignos da súa memoria”, engadiu. “Galicia forma parte dun mundo que avanza cooperando e aunando ideas. Por iso o 2010 chega con incertezas pero tamén con esperanzas. Unidos seremos máis fortes. Unidos poderemos dicirlles aos nosos devanceiros que a súa entrega serviu para que a nosa terra siga viva. Na procura deste obxectivo invítovos a que invistamos a implicación, o esforzo e o sacrificio que sempre nos caracterizou a todos os galegos e que fagamos deste ano que entra un ano 10 para todas as familias de Galicia. Feliz e saudable Ano Santo Xacobeo”, concluíu.