Vigo
.- O pleno da corporación municipal de Vigo aprobou hoxe por unanimidade, a instancias do grupo municipal do BNG, o acordo adoptado no Parlamento galego no que se insta á Xunta de Galiza para que os centros de decisión das caixas galegas se manteñan en Galiza e se impulse a creación dunha nova lei de caixas. Na súa intevención, o tenente de alcalde Santi Domínguez, asegurou que dende o BNG se defende “unha alianza entre as dúas caixas galegas”, porque ao seu xuízo no actual contexto económico esta é a forma de garantir a súa galeguidade.
Santi Domínguez destacou que o BNG é a única formación política que ten claro cal é o eixo do debate, que é a “vertebración e protección do tecido económico galego”, e cal é o verdadeiro problema para que se produza a fusión ou a alianza estratéxica das caixas galegas. Segundo o tenente de alcalde, é preciso tomar as decisións dende a racionalidade, a reflexión e a seriedade “porque non podemos xogar co futuro financeiro e económico da nosa cidade e do noso país”.
“Os nosos intereses están aquí, en Vigo e en Galiza, e esta é unha diferenza clara do BNG respecto ás outras forzas políticas”, destacou. Neste sentido, o nacionalista emplazou a PP e PSOE a deixar a un lado os intereses “localista e electoralistas” e poñer enriba da mesa os intereses de Galiza. “Ou hai unha alianza estratéxica entre as dúas caixas galegas, sen absorcións, ou Galiza vai ser moeda de cambio para o PSOE ou o PP”, alertou Santi Domínguez. Ao seu xuízo, este problema prodúcese cando no debate non se pon por riba de todo “a galeguidade e o país”.